Carlos Fontán (Cs): "O modelo de cidade é estupendo, pero xa se cumpriu, temos que cambiar de ciclo"
Por Manu Otero & Mónica Patxot
A agrupación local de Ciudadanos en Pontevedra ten novo coordinador. O hostaleiro Carlos Fontán asume o liderado da formación laranxa na capital da provincia co obxectivo de asentar unha base sólida na cidade e comezar a construír unha alternativa aos actuais grupos políticos que compoñen a corporación actualmente.
A crise que atravesa a hostalería foi o detonante que levou ao coordinador para dar un paso adiante. Preséntase moi crítico coa actitude do Concello, Deputación e Xunta na xestión económica da pandemia, considera que o modelo de cidade implantado polo BNG foi un éxito pero está xa terminado e aposta pola adopción de políticas que permitana a chegada de empresas e a creación de emprego no municipio para evitar a fuga de mozos cualificados.
- Levaba xa varios anos afiliado a Ciudadanos, por que decide dar este paso á fronte agora?
Estaba como afiliado en segunda fila, pero non participaba en nada. Foi a situación municipal actual a que me levou a dar este paso. Ves que aquí se tiran a pelota uns a outros. Temos tres cores: un na Xunta, outro na Deputación e outro no Concello e aquí ninguén fai nada. Pontevedra como modelo de cidade está moi ben pero xa non se pode facer máis. Hai que presentar un proxecto novo, traer ideas novas e dar esa chispilla que a cidade necesita.
- É valente situarse agora en primeira liña dun partido que está en retroceso en Pontevedra, en Galicia e en España.
O voto de centro, o voto de Ciudadanos, é o que é. 10 a nivel nacional, igual 15 ou 16 en Cataluña. Pero Ciudadanos sobe moito grazas ao voto critico de PSOE e PP. Que cando cometen un erro (Eres, corrupción...). Ese voto descontento que recae en Cs hai que aproveitalo para subir e conseguir cousas polo ben de todos.
Pero o voto de centro en España non acaba de estar implantado. Si en Europa. Aquí dinnos que somos o partido catavento. O somos. Somos o partido que ten que chegar a acordos cuns e con outros. Chegar a acordos neste país parece que é ser un cambia chaquetas. Hai cousas moi boas dun lado e cousas moi boas doutro, se vas pactando cuns e con outros consegues as cousas. O PP nunca che vai a aprobar unha nova xornada laboral, vai facer o PSOE, por exemplo.
- Que obxectivo se marca de aquí ás próximas municipais dentro de dous anos?
Construír en Pontevedra unha base sólida de Ciudadanos. Unha base que sirva para que se volve pasarnos o que nos pasou de descabezar a candidatura, siga habendo partido. Aquí cada vez que se cambiaba a persoa, cambiábase todo, desaparecía. Daquela o partido decidirá a quen colocar aí para as eleccións.
- Para construír unha base forte non axudan episodios como o de Goyo Revenga, ao que se lle apartou do partido por apoiar os orzamentos do BNG.
Está claro, pero son directrices de partido. Hai que asumilo. Cada un toma a súa decisión persoal de aceptalas ou non. É algo que afecta a nivel partido.
- Faltou comprensión desde a directiva do partido con respecto ao funcionamento de Pontevedra ao vetar ao BNG polo feito de ser un partido nacionalista?
Eu estaba en segunda fila e non sei exactamente como pasou todo, decatábame pola prensa basicamente. Non houbo un comunicado oficial do partido. Foi unha decisión e hai que mirar á fronte, o pasado, pasado está. O de "con nacionalistas non" é unha decisión do partido e tes que asumilo. Goyo fixo o que quixo. Ademais, a súa emenda xa estaba dentro do programa do BNG realmente. Na súa situación, eu pediría algo máis relevante para apoialos.
- É vostede coñecido en Pontevedra pola súa traxectoria como hostaleiro. Tivo algo que ver a situación actual de crise, que afecta especialmente ao seu sector, á hora de tomar esta decisión?
Si, totalmente. Isto é un desgoberno total. Temos aos autónomos, as pemes e a hostalería moi afectados. É a taxa de lixos, a taxa de terrazas... É un despropósito cara ao sector enorme. Construíron un modelo de cidade que vai da man coa hostalería. Non se concibe a zona vella, prazas como a Leña ou a Verdura, sen esas terrazas. Que sería Pontevedra no verán sen esas terrazas? Están a cargarse iso, están a poñerlle trabas a un sector que xa ten unhas trabas moi grandes.
Que sería Pontevedra no verán sen esas terrazas? Están a cargarse iso, están a poñerlle trabas a un sector que xa ten unhas trabas moi grandes.
Ademais isto é moi fácil. Hai tres cores políticas en Pontevedra. Abandera ti, que es dunha cor, para demostrar aos outros o capacitado que estás para xestionar esta situación. Non o fixeron e iso foi o que me levou a dicirme: 'veña tío, adiante'.
- Polo que me conta, non sei se preguntarlle polo que fixo ou polo que non fixo o goberno local durante esta crise.
Sei que hai unha coalición de goberno e terán as súas leas internas e que é difícil de xestionar. Pero, de verdade que non sodes capaces de facer algo?. Xa non falo do diñeiro das festas que non se gastou, pero crea unha partida para isto. Sacaron as axudas Supera 20, pero non serven. Quen lle vai a reformar o local ao seu caseiro cando non sabes canto vai durar isto nin se terás que deixar o local?, lévome a casa o tpv táctil do computador ou seis televisións de pantalla plana? A xente o que necesita é darlle para comer aos seus fillos, pagar a luz de casa... poder vivir. É unha parvada, pero 1.000 euros ao mes para os hostaleiros é vida. Hai que inxectar diñeiro, ten que haber algunha ferramenta. Agora entre Concello, Deputación e Xunta chegaron a un acordo para dar axudas, pero a nivel local é tan fácil como adiantar o diñeiro e logo reclamarllo a quen sexa. É unha urxencia. E por suposto hai que cumprir os requisitos. E sei que non só somos os hostaleiros, hai outros sectores como orquestras, eventos, cultura e moitos máis.
E o resto de administracións?
Tampouco digo que o Concello estea fatal. O Concello acordarase da hostalería tres meses antes das eleccións. A Xunta bota balóns fóra e o Goberno Central xa se ve, cada comunidade autónoma fai o que quere. Non hai que esquecerse que onte morreron máis de 300 persoas e que temos as UCIs en Montecelo ao bordo do colapso. Do Goberno dá pena falar porque normalizamos a morte e doe. Esas 300 persoas que morreron estaban hai 15 días falando como podemos estar ti e eu agora. Cada un anda ao seu, hai un desgoberno. Deberían sentar e dicir: 'desta habitación non nos movemos ata que cheguemos a un acordo para tentar harmonizar isto e arranxalo. Cada un mira polo seu.
- Volvendo a Pontevedra, defendía antes o modelo de cidade. Pero, ten aínda percorrido?
A Lores hai que darlle as grazas porque fixo un proxecto e un modelo de cidade que está moi ben. Pero é que estamos nun punto no que estamos a arranxar o que xa está arranxado. Barcelos está ben, por exemplo. Igual ese diñeiro podería reverterse cara a outro lado, a potenciar o comercio, por exemplo. Se perdemos 20 negocios, recuperalos vai ser moi difícil.
Nós somos dunha xeración que crecemos enganchando crises económicas e dámonos conta de que os nosos amigos están a irse a Madrid, a Barcelona, ao estranxeiro ou a Vigo. Aquí está a emigrar todo o mundo. Ou es funcionario ou tes que marchar. Están a crearse máis residencias que negocios. Hai que cambiar iso, hai que presentar un modelo de cidade que prmita xerar traballo, industria. Estásenos indo a riqueza da cidade.
Poño un exemplo. Antes podías saír un xoves universitario e Pontevedra parecía o entroido de Nova Orleans. Agora hai dous bares abertos. Está a perderse iso. E se o aplicamos ao día, está a perderse a cidade. Imos converternos nunha cidade dormitorio. Eu non quero ser Milladoiro ao grande.
Imos converternos nunha cidade dormitorio. Eu non quero ser Milladoiro ao grande.
O modelo é estupendo, pero xa se cumpriu, temos que cambiar de ciclo. A miña idea é ser a chincheta no asento e achegar ideas. Poderalles entrar por un oído e saír por outro ou que aínda que sexa a miña idea cópiena eles. A todos únenos unha cousa, que é defender Pontevedra e ás veces fai falta quitarse a camiseta, deixala ao carón e pensar na cidade.
- Cal é o proxecto do Ciudadanos de Fontán?
O primeiro é ordenar a miña casa, o partido. Pero o meu obxectivo é emprego, que a xente nova teña unha oportunidade. Hai que protexer a industria que temos. Ence non está no lugar idóneo, pero está aí. O funcionariado témolo, a Brilat esperemos que siga aí. Imos manter esa calidade de vida, pero xerar algo de industria e negocio.
Xa ten equipo?
Si. Pedro Estévez é economista e dedícase ao comercio internacional de pedra. Juan Baquero é profesor do Sagrado Corazón, a nivel educativo está en contacto coas novas xeracións e as súas inquietudes. Mónica Garrido é matemática e traballa na Industria Química. Silvia Villaverde, que é de Xeve, traballa nunha tenda de roupa. E logo estou eu, que son un hostaleiro.
A idea é reunir a xente que non estivese nunca en política, que estivésemos en segunda liña do partido con esa idea de centro liberal e con ganas de cambiar isto e darlle un xiro á cidade.
- Felicitárono os seus futuros compañeiros de corporación?
Felicitoume Pablo Fernández, do Partido Popular; e Yoya Blanco, do PSOE. Tamén de Hoempo felicitáronme e xa lles comuniquei a miña baixa definitiva da asociación de hostaleiros. Fíxeno con pena pero cun proxecto xa construído. Eu empecei en Hoempo ao principio de todo pero é agora cando a asociación colleu forza por esta situación. Foi un reto que me propuxen e conseguiuse. Seguirei como asociado.
- Para acabar exporeille un pequeno xogo. Defíname en poucas palabras aos líderes políticos que o rodean. Empezamos polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
Lores é un referente polo seu modelo de cidade pero xa está a arrastrar os pés. Necesita unha substitución. Gustaríame velo nesta situación durante o seu primeiro mandato. Sería totalmente diferente, aínda que non o coñezo persoalmente.
Lores é un referente polo seu modelo de cidade pero xa está a arrastrar os pés.
- Anabel Gulías.
Si que a coñezo. É unha muller moi váida, supoño que será a substitución. Non sei se é polo partido ou por que, pero si creo que pola súa banda debería axudarnos máis, falo como hostaleiro.
- Tino Fernández.
Non o coñezo persoalmente e non podo xulgalo. Do PSOE con quen teño interlocución é con Yoya, que leva Promoción Económica.
- Rafa Domínguez.
Creo que podería facer máis do que fai. Tería que ser unha oposición máis agresiva, está a ser moi cómoda e branda.
- Beatriz Pino.
É unha líder dos pés á cabeza, gran comunicadora e da que non dubido que tarde ou cedo alcanzará a representación autonómica que o partido necesita para fiscalizar á Xunta de Galicia.
- Inés Arrimadas.
Diante dos paus que tivo que aguantar en Cataluña e o reto de reestruturación do partido a nivel nacional tras a marcha de Rivera estase a demostrar o capacitada que esta para devolver ao noso partido ao centro liberal deste país. É a mellor líder que pode ter Ciudadanos, pero seguimos sendo unha sociedade machista e critícana moito cando foi a única que tivo o atrevemento de deixar ao carón a crispación para chegar a acordos.
- Alberto Núñez Feijoo.
Feijoo podería ser de Ciudadanos perfectamente porque é un político moi moderado. A nivel Galicia é como unha asesoría, só xestiona sen achegar valor ou riqueza á contorna. Por que non quitou a autoestrada? Pasar a titularidade á Xunta non é unha solución, habería que seguir pagando.
- E finalmente, un par de temas polémicos na cidade. Ence si ou Ence non?
Ence si. Habería que buscarlle unha localización idónea e que tribute os seus impostos en Pontevedra.
- Raíña Vitoria, Barcelos, Rosalía de Castro, humanizar máis si ou non?
Non. O que necesitamos é unha circunvalación, necesitamos comunicacións e que a xente poida chegar ao centro. O chip de querer aparcar diante da ferraxería hai que cambialo, pero o modelo de cidade xa está.
- Grandes centros comerciais en Pontevedra?
Pontevedra debe ser un centro comercial. Non falo de tapar rúas, pero si que o centro sexa un gran centro comercial. As grandes marcas necesitan unha área comercial grande, pero igual pódese, por exemplo, traer un Decathlon city, un Primark máis pequeno. Facer algo para acabar coa comodidade de Amazon. Hai que facer que a xente se mova, saír a rúa e ver xente. Podemos adaptar o modelo de cidade para xerar un centro comercial urbano xigante e axudar ao autónomo.