Un mozo de 19 anos, detido por agredir a outro e poñerlle un coitelo no pescozo
Por Redacción
Un mozo de 19 anos foi detido pola Policía Nacional en Pontevedra por agredir a outro e poñerlle un coitelo na garganta.
Ao detido investígaselle polos delitos de lesións graves e ameazas, segundo informou a comisaría provincial sobre un suceso que se produciu pouco antes das tres da tarde do pasado martes.
O agresor, segundo o relato da vítima, atopouse con el e sen mediar palabra propinoulle unha puñada. Cando este trataba de defenderse, o mozo sacou un coitelo e púxollo no pescozo, producíndolle un pequeno corte.
Durante o forcexo, a vítima acabou caéndose ao chan e o seu atacante comezou a darlle patadas e golpes ata que se deu á fuga despois de que unha amiga do agredido tratase de axudalo pegándolle co bolso que levaba na man.
Os axentes da Policía Local localizaron o presunto autor da agresión no seu domicilio, onde se presentou despois de chamalo o seu pai por teléfono.
O detido foi posto ao dispor do xulgado de instrución de garda de Pontevedra.