O PP pide a construción dun pavillón na contorna do colexio de Ponte Sampaio
Por Oskar Viéitez
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez presentou este xoves unha proposta que defenderá no próximo Pleno municipal cunha serie de propostas para a parroquia de Ponte Sampaio que, segundo asegurou, foron postas en común con diversas asociacións de veciños.
O popular cre que no caso de Ponte Sampaio "a súa distancia á capital puido ser unha causa para que en moitas ocasións as súas demandas non sexan escoitadas".
O PP propón a construción dun pavillón de deportes á beira do colexio que "tería un primeiro uso como zona de recreo do colexio nos días de choiva; segundo, para dar as clases de educación física; e terceiro para a realización de actividades deportivas extraescolares. Ademais, podería servir para complementar a nave que ten o club de piragüismo situado na mesma zona, un deporte que nos últimos anos está a aumentar considerablemente na parroquia".
Ademais, propoñen a plantación dunha zona con árbores, que, "complementada coa ampliación da praia mellorará a imaxe da zona" e que se incremente o número de prazas de aparcamento.
Tamén piden un palco para as festas do pobo, cun local social para as distintas comisións e baños públicos.