Bueu coloca novas papeleiras e arranxa o alumeado público de varias rúas
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Bueu, Félix Juncal; a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo; e o arquitecto técnico municipal, Alfredo de la Campa; estiveron este martes polas rúas do casco urbano bueués para decidir os lugares nos que se van colocar novas papeleiras.
O Concello adquiriu o pasado ano un total de 115 papeleiras de varios modelos e capacidades, que se instalarán en zonas estratéxicas da vila.
Así, substituiranse as que se atopan en mal estado por outras de 50 litros de capacidade, e cuxa característica principal é que teñen a parte posterior tapada, impedindo que poidan depositarse bolsas de lixo.
Destas colocaranse corenta, que se complementarán con outras dez de 120 litros, que van estar situadas en zonas estratéxicas onde existe un maior tránsito de poboación ou acumulación de residuos. A elas súmase outro lote de quince illas para a separación de residuos, e que se destinarán aos centros educativos e a outros espazos públicos da vila.
E, por último, tamén se conta con outras corenta para as praias, que se poñerán de cara á tempada estival.
SUBSTITUCION DE LUMINARIAS
Pola súa banda, a empresa Setga levou a cabo durante este martes a substitución de dúas farolas nas rúas Eduardo Vincenti e no cruce entre Castelao e Canibelos, e o arranxo de varias que se atopaban en mal estado e que habitualmente producen interrupcións no alumeado.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, salienta que ás veces "é difícil detectar a raíz do problema, sobre todo porque nalgunhas zonas veñen derivadas de perforacións e obras acometidas por empresas e particulares". O rexedor informa de que hai semanas se reparou, tamén, un tramo de alumeado no cruce entre a rúa Castelao e Pazos Fontenla, onde se detectaron roeduras no cableado soterrado.
Juncal confía en que pouco a pouco se solucionen estas avarías e adianta que a intención é que no vial urbano de Pazos Fontenla se acometa unha mellora integral de todas as redes, un proxecto de calado que xa foi remitido á Xunta de Galicia para a súa valoración.