Este martes entrará polo Atlántico un tren de borrascas
Por Redacción
Unha fronte moi activa achegarase a Galicia durante o martes, traendo consigo un aumento de nubes e chuvias.
Así o indican os técnicos de MeteoGalicia que sinalan que as precipitacións comezarán polo oeste e irán estendéndose ó resto do territorio ó longo da xornada do martes. As temperaturas mínimas experimentarán un moderado ascenso, mentres que as máximas sufrirán un lixeiro descenso. Os ventos soprarán de compoñente sur, fortes en xeral, moi fortes no litoral e zonas altas.
A situación do mércores estará marcada pola inestabilidade atmosférica. Deste xeito, agárdanse ceos anubrados con chuvias, que serán máis abundantes e fortes no oeste de Galicia, ocasionalmente treboentas. As temperaturas mínimas experimentarán un moderado ascenso, quedando as máximas sen cambios. Os ventos soprarán do sur - sudoeste moderados no interior, fortes no litoral e zonas altas.
De momento, a borrasca non ten nome, pero se os ventos que trae fosen intensos sería nomeada Gaetan.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) emitiu unha nota informativa este domingo na que advirte da chegada a última hora do martes dunha borrasca atlántica que provocará un importante aumento das temperaturas e que deixará moita auga en boa parte da Península, sobre todo na metade occidental.
Será a primeira dunha serie de borrascas que entrarán pola fachada atlántica durante os vindeiros días, o que os expertos denominan tren de borrascas con ventos húmidos e tépedos que terán efecto de quitaneves varrendo o centro da península e ventilarán as áreas con altos índices de contaminantes.