O Apalpador cualifica o seu percorrido pola provincia nestas festas como "o mellor, máis vistoso e participativo" dos últimos cinco anos
Por Redacción
O percorrido do Apalpador acompañado do seu burriño de madeira e o acordeonista Servando Barreiro polos concellos da provincia foi "o máis vistoso e participativo dos últimos cinco anos" a pesares de ter que enfrontarse ás restricións da covid-19 e á chuvia, o vento e a neve.
A deputada de Lingua, María Ortega, responsable do departamento organizador, manifestou a súa satisfacción pola boa acollida tanto dos pasarrrúas nos municipios como dos vídeos gravados polo Apalpador en espazos patrimoniais difundidos nos centros de ensino: "Superamos o reto", afirmou, uníndose ás verbas do propio Apalpador recreado por Anxo Moure, quen asegurou que durante o Nadal "encabezamos a loita contra a tristura da xente e a resistencia á cultura".
María Ortega explicou que puidéronse celebrar todos os pasarrúas previstos salvo o do Concello de Baiona, que se decidiu cancelar pola alta incidencia da covid-19. No resto das localidades, cumprindo estritamente os protocolos sanitarios e sen ningunha incidencia, o Apalpador visitou as rúas no que "foi, sen dúbida, o mellor proxecto de animación dos que levamos desenvolvidos nestes cinco anos, a maior participación de público, o público máis diverso (dende bebés a anciáns, persoas con diversidade funcional e mesmo os habitantes das terrazas dos bares) e con maior vistosidade. Foi o reto máis grande enfrontándonos ao Covid e ao tempo chuvioso, temporais e mesmo vento endiañado, xiadas imposibles e a mesma neve", apuntou Moure.
Para o ano próximo o Apalpador manifestou a súa intención de emendar algún dos seus erros lingüísticos, de chegar ao 100% de puntualidade, e de mellorar o seu vestiario. "Prometemos e xa encargamos nunha costureira de Pontevedra un traxe novo para o Apalpador 2021, se chegamos alí", asegurou, ademais de agradecer a presenza nalgúns pasarrúas de Viridiana Barreiro, música de conservatorio superior, compañía que propón extender conformando unha banda de ‘pandigueiros’ -mozas e mozos de cada concello- dirixidos polo acordeonista Servando Barreiro.
Moure lembrou que o Apalpador difundiu "a mensaxe de comida san e productos locais, de coñecemento da contorna propia coa divulgación das paisaxes de cada concello e do coidado da natureza, coa música como argumento, a plasticidade fotográfica a riqueza visual e sonora que converten o pasarrúas nun verdadeiro musical rodante, cun canto á paz e á igualdade de xénero".