Máis de 7.000 persoas recibiron a visita do Apalpador este Nadal
Por Redacción
Máis de 7.000 persoas dos diferentes concellos da provincia gozaron durante estas festas da visita do Apalpador grazas ao programa da Deputación 'Nadal en Galego'.
Música, monicreques, historias e pasarrúas foron as actividades que organizou o departamento de Lingua do órgano provincial no que ademais se divulgou a necesidade do coidado da lingua, o medio ambiente ou a alimentación saudable e os produtos locais.
Nun ano no que estaban previstas máis actuacións que nunca, a deputada de Lingua María Ortega sinalou que "foi preciso ademais realizar varios pases das actuacións (ata 62 en total) debido á afluencia de público por petición da veciñanza, que participaba tanto de maneira activa nas sesións de contos musicados ou como espectadora dos pasarrúas". Ademais, con motivo da covid-19, houbo catro municipios que se cancelaron.
A iniciativa extendeuse dende o 20 de decembro ata o 4 de xaneiro pola cantidade de funcións previstas, nas que destacou a figura do Apalpador, que analizou a viaxe como "un verdadeiro soño, un agasallo da vida inesquecible” e a viaxe "máis interesante e aventureira, a máis fermosa que nunca fixen".
Como novidades este ano a Deputación repartiu 220 árbores autóctonos e creou unha aula-escola na que se promoveron comportamentos de coñecemento e protección dos elementos da natureza, fomentando a reciclaxe e compostaxe.
Ademais, a compañía de Marín 'Tarabelos, títeres e contacontos' e os creadores audiovisuais e plásticos de Pontevedra, Belén Veleiro e Cris Lores, fixeron un proxecto con monicreques no que vencellaron a Serra do Courel co carballo de Santa Margarida nunha viaxe dende Folgoso do Courel ate Pontevedra.
Tamén crearon 'A banda da montaña', unha viaxe musical con saxo, guitarra, peitoque, gaita, cavaquiño e acordeón diatónico con acordes tradicionais galegos na que participaron o Apalpador (Anxo Moure), o músico Servando Barreiro, Viridiana e Brais Moure.
Relacionadas:
-
O BNG denuncia a política "rancia e antigalega" do PP ao suprimir as actividades do Apalpador este Nadal
Por Redacción |
-
O Apalpador chegará aos concellos da provincia desde este luns
Por Redacción |
-
A Deputación levará o Apalpador a 45 concellos da provincia este Nadal
Por Redacción |
-
O Apalpador cualifica o seu percorrido pola provincia nestas festas como "o mellor, máis vistoso e participativo" dos últimos cinco anos
Por Redacción |