O hotel Augusta defende que a súa celebración de fin de ano cumpría as medidas e era "exclusivamente" para clientes aloxados
Por Diego Espiño
O Hotel Augusta Eco Wellness Resort de Sanxenxo emitiu este sábado 2 de xaneiro un comunicado en relación á intervención da Policía Local para poñer fin a unha festa de fin de ano nas súas instalacións, operativo que se pechou coa tramitación dunha vintena de denuncias ao interceptar nos accesos do establecemento a vehículos procedentes de distintos puntos de Galicia.
Na súa explicación o Augusta asegura que é "radical e absolutamente falso" que se celebrase unha festa vulnerando a normativa vixente e as medidas de prevención contra a covid-19, defendendo que se trataba dunha cea de fin de ano "exclusivamente para os clientes aloxados".
Segundo este texto a esa cea asistiron un total de 42 persoas (35 adultos, 6 nenos e 1 bebé), o que supón un aforo de menos de 15% do comedor do hotel, con capacidade para 270 comensais. Só 4 persoas aloxadas non acudiron a este evento.
"As mesas distribuíronse cumprindo, rigorosamente, coas determinacións e requisitos de seguridade e distancias legalmente establecidos existindo unha mesa baleira así como máis de dous metros de distancia entre as mesas ocupadas", sinala o hotel, afirmando que a música contratada era ambiental sen que "tivese lugar aglomeración de comensais das diferentes mesas nin espazo para a celebración de baile".
"A actuación do Hotel foi de total colaboración coa policía local do Concello de Sanxenxo, ás que se lles facilitou, en todo momento e en todas as ocasións que compareceron no mesmo, o acceso libre a todas as súas instalacións e dependencias, así como toda a información que requiriron", mantén o establecemento.
As infraccións denunciadas, consideradas de moi graves, poden supoñer multas que superan os 15.000 euros.
O Augusta sinala tamén no seu comunicado que se reserva "as accións legais que consideremos pertinente e oportuno para a defensa, non só dos nosos intereses e dereitos, senón do noso bo nome".