A tenda Nalatcha gaña o concurso de escaparates de Nadal de Pontevedra
Por Redacción
A tenda de roupa de muller Nalatcha, situada na rúa da Oliva, é a gañadora do concurso de escaparates de Nadal de Pontevedra, organizado a través da plataforma #PonteLovers.
Obtivo 1.016 votos do xurado popular. Os comercios do sector téxtil Sunset Boulevard (938 votos) e Creciendo Juntos Elvi (828 votos), ubicados na rúa Peregrina e nas galerías da Oliva, fixéronse respectivamente co segundo e terceiro premio deste certame.
No concurso participaron 96 establecementos e nel, segundo a concelleira de Promoción económica, Yoya Blanco, houbo un "nivel tremendo" de creatividade, imaxinación e traballo despregado polos responsables dos negocios.
"Os decorados e instalacións de Nadal que fixeron algúns negocios son tan fermosos que moitos cidadáns subiron ás súas propias redes nestes días escolmas de fotografías dos escaparates que máis lles gustaron", sinalou a edil socialista.
O departamento que dirixe Blanco tamén desvelou os nomes dos afortunados aos que lles tocaron, por sorteo aleatorio entre os participantes na votación do concurso, os 20 cheques regalo por valor de 25 euros que poderán trocar a partir do día 2 de xaneiro.
Para poder validar os cupóns de desconto creouse un portal con acceso privado a través de contrasinal e usuario únicos para os locais que participaron, de xeito que, cando un cliente queira usar o cupón terá que presentalo en formato impreso ou amosalo no teléfono móbil.