Estabilizan un noiro na PO-308 en Raxó para evitar desprendementos
Por Redacción
Mellorar a estabilidade dun noiro coa fin de evitar posibles desprendementos. É a intervención que vén de facer a Consellería de Infraestruturas na estrada PO-308, en Raxó.
Esta actuación supuxo un investimento de máis de 28.000 euros e centrouse en estabilizar o noiro, situado no punto quilométrico 10,6 desta estrada.
As obras levadas a cabo comezaron pola roza e limpeza do noiro, para a continuación proceder á instalación de bulóns, elementos que se introducen no noiro e nos que se inxecta morteiro de modo que se suxeiten posibles desprendementos.
Tamén se colocou unha malla metálica superficial, con cables de reforzo verticais e horizontais de 8 milimetros de diámetro ancorados aos bulóns.