Satisfacción na Lama e Cerdedo-Cotobade tras a mellora da estrada entre Peso e Caroi
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra completou a mellora da estrada EP-0307 entre Peso e Caroi, unha actuación moi demandada polos concellos de A Lama e Cerdedo-Cotobade. Os dous alcaldes amosaron a súa satisfacción polo resultado estes traballos.
A mellora desta estrada era unha reivindicación histórica dos veciños de ambos os dous municipios para mellorar a comunicación interior entre o centro e o norte da provincia, resolvendo un deterioro considerable do firme e un trazado sinuoso e estreito.
Jorge Canda e Jorge Cubela, que realizaron unha visita a esta estrada, agradeceron a colaboración dos veciños que cederon os terreos para que se puidera levar a cabo esta obra que supuxo un esforzo de xestión e traballo continuado.
A mellora desta estrada provincial, que contou cun orzamento de 750.000 euros, permitiu ampliar a superficie desta estrada para convertela nunha vía de dous carrís de 2,75 metros con cuneta de seguridade dun metro de ancho na marxe dereita, beiravías de 0,5 metros e unha berma na marxe esquerda de 0,5 metros.
Ademais, as obras incluíron a reposición da barreira de seguridade, a colocación de sinais verticais e horizontais e a instalación de seis redutores de velocidade.
Para realizar esta actuación, tivéronse que construír varios muros de sostemento de cachotaría de 2 a 3 metros de altura, así como o desmonte do noiro lateral da marxe dereita da estrada. Tamén foi preciso o recuamento dalgúns peches de parcelas e barreiras de protección, así como a substitución ou ampliación das obras de drenaxe existentes.
Durante a súa visita, os alcaldes tamén se achegaron ata a Capela da Virxe de Lourdes onde o Concello da Lama está executando varios traballos de cantería no límite perimetral da estrada co templo que quedaba a distinto nivel e precisaba dunha actuación de mellora.
Os traballos buscaban tamén impermeabilizar o templo das escorrentías e augas pluviais que se poidan filtrar debido á proximidade dun pequeno noiro que actuaría de guía natural das choivas cara o muro exterior do recinto relixioso.