Comeza o primeiro dos repartos de menús solidarios do proxecto "Cubertos de Nadal"
Por Redacción
Este martes tivo lugar o primeiro dos repartos de menús solidarios previstos dentro do proxecto "Cubertos de Nadal", impulsado a través dun convenio de colaboración entre a Obra Social de Abanca e o Concello de Pontevedra.
Este programa ten coma obxectivo cubrir durante estas datas tan especiais as necesidades de alimentación de menores de 123 familias en situación vulnerabilidade social ou risco de pobreza.
Con esta iniciativa dáselle continuidade ao Programa de Intervención Social posto en marcha nas sete grandes cidades galegas por Afundación, beneficiando cun total de 1.500 menús aos rapaces que máis o precisan (moitos deles bolseiros de comedor escolar).
O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, estivo este martes no Café Moderno Afundación e constatou que a distribución dos menús infantís levarase a cabo entre hoxe e o luns 4 de xaneiro, organizándose en catro quendas e facéndolles chegar os lotes de comida ás súas casas vía Protección Civil a aquelas familias que non se poidan achegar ata o Café Moderno.
"De cara a garantir o anonimato das persoas beneficiarias do programa, asignouse un número personalizado a cada familia, de xeito que o Concello unicamente deu a coñecer ese número á firma xestora dos menús, non transmitindo ningún dato de carácter persoal. Afundación puxo os kits e menús infantís a disposición dos beneficiarios gratuitamente, efectuando os labores de vixilancia e control dos mesmos e garantindo a aplicación da normativa sanitaria vixente", dixo o edil.
Segundo explicou Gloria Rodríguez, coordinadora de Comunicación de Afundación, esta iniciativa reproduce "a campaña que se desenvolveu durante o verán co programa Cubertos, neste caso para atender a nenos e nenas de familias vulnerables que durante o Nadal non desfrutan de comedor escolar".
Gloria Rodríguez indicou que nesta ocasión "decidimos facer nós ese servizo durante estas datas, pero ademais, ao tratarse do Nadal, pensamos que é algo que se pode facer tamén de xeito especial para as familias, así que asignamos entre as 123 familias beneficiarias 500 menús especiais para os días de Noiteboa e de Nadal, que son os que estamos a repartir hoxe. En total, repartiranse 1.500 menús dentro deste programa".
Os repartos dos menús continuarán os días 28 e 30 de decembro e 4 de xaneiro.
Relacionadas:
-
Garanten un centenar de menús diarios a menores pontevedreses en situación vulnerable
Por Redacción |
-
Reparten 1.200 menús de Noiteboa no Banco de Alimentos de Pontevedra e no comedor de San Francisco
Por Redacción |
-
Menús de Nadal para 120 menores en situación vulnerable de Pontevedra
Por Redacción |