Dispositivo especial da Policía Nacional para garantir un comercio seguro este Nadal
Por Redacción
As rúas de Pontevedra teñen desde hai días unha maior presenza policial da habitual. Trátase de axentes da Policía Nacional que o Ministerio do Interior despregou na cidade, como en toda España, desde o 11 de decembro no marco dunha campaña especial de 'Comercio Seguro' durante o Nadal.
En concreto, reforzouse o número de efectivos policiais nas zonas comerciais de gran afluencia de público. O dispositivo manterase durante toda a campaña do Nadal e permanecerá activo ata o 10 de xaneiro.
O plan 'Comercio Seguro' consiste nun dispositivo especial que a Policía Nacional realiza anualmente para previr a comisión de feitos delituosos como furtos, roubos con violencia ou intimidación, roubos con forza ou fraudes. O labor policial intensifícase naqueles lugares onde se produzan aglomeracións de persoas, especialmente nas zonas comerciais e de lecer, rúas de maior tránsito das grandes e medianas cidades, mercados do Nadal e zonas de entretemento.
A Policía Nacional tamén poñerá especial atención á prevención de butróns, que nestas datas adoitan incrementarse debido ao aumento de mercadorías existentes tanto en almacéns como en tendas.
Os servizos realizaranse diariamente nas franxas horarias de maior actividade comercial e afluencia de público e fomentaranse as patrullas policiais tanto de uniforme como de paisano.
O despregamento policial inclúe a presenza nas rúas de axentes de uniforme e de paisano e permite que os comerciantes reciban un servizo máis próximo e unha atención máis eficaz de forma presencial.
Durante a campaña do Nadal, tamén levará a cabo un intercambio de información operativa e proporcionaranse consellos e medidas de seguridade. Durante estes días distribuiranse guías e trípticos con consellos de seguridade a asociacións e comerciantes, elaborados polo Ministerio de Economía e Empresa.
Estes documentos recollen, entre outras pautas, un decálogo para os comerciantes, entre cuxos consellos destacan instalar un sistema de peche seguro, manter unha luz na fachada durante toda a noite, instalar un timbre exterior para a apertura remota do local ou evitar facer o reconto de caixa a última hora nin facelo en solitario. A Policía recomenda igualmente que, en caso de atraco, o comerciante non se enfronte nunca co delincuente, especialmente se vai armado.
Relacionadas:
-
Nadal, luces, compras, aglomeracións... e máis policías nas rúas
Por Redacción |
-
Misión: un Nadal libre de roubos e covid-19
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Aumentan as denuncias de pontevedreses por fraudes na compra de 'choios' ou o contrato de servizos por Internet
Por Natalia Puga |
-
Máis policías nas rúas comerciais para ter un Nadal seguro
Por Redacción |