En patinete eléctrico por unha vía prohibida, cos cascos postos e drogado: a tripla infracción dun pontevedrés
Por Natalia Puga
Un mozo veciño de Pontevedra de 29 anos foi sorprendido días atrás cando circulaba en patinete eléctrico por unha vía interurbana. Esta conduta en si xa sería sancionable porque este tipo de vehículos non está autorizado para viaxar fóra de cidade, pero, ademais, no seu caso fixo un 3x1, pois sumou outros dous comportamentos sancionables: levaba os auriculares postos e deu positivo na proba de consumo de drogas.
Unha patrulla do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra sorprendeuno na mañá do 16 de decembro cando conducía o seu patinete á altura do quilómetro 124,500 da estrada N-550, ao seu paso por Pontevedra.
Este tipo de vehículos considerados de mobilidade propia non poden circular polas vías interurbanas, travesías, autoestradas e autovías que transcorran por poboacións, así como tampouco por túneles urbanos, beirarrúas e zonas peonís (salvo se está regulado polo Concello e sempre a paso de persoa). Esta infracción pode supoñer unha sanción de 500 euros e a inmobilización e depósito do patinete.
Cando os axentes lle deron o alto, o mozo pontevedrés levaba postos os cascos auriculares conectados a un aparello reprodutor. Estes tipos de vehículos deben cumprir as normas de circulación aplicables para o resto de vehículos, de modo que os condutores non poden facer uso de auriculares nin teléfono móbil.
Os axentes de Tráfico déronlle o alto e realizáronlle a proba de consumo de drogas e deu resultado positivo en proba indiciaria, que está pendente de confirmación. Do mesmo xeito que ocorre cos casos, esta conduta tamén é denunciable, pois, como o resto dos condutores, aqueles que conduzan un patinete poderán ser sometidos á proba de alcol e drogas.