Asinado un novo convenio por 12.000 euros entre o Concello e Coempo para dinamizar o comercio
Por Redacción
Jesús Peleteiro, presidente da Asociación de Comerciantes de Ponte Caldelas (Coempo) e Andrés Díaz, alcalde do municipio, asinaban este venres un novo convenio de colaboración por unha dotación de 12.000 euros coa intención de dinamizar a actividade comercial.
Trátase da mesma cantidade económica que en 2019 destinada a sufragar os gastos de campañas e actividades de Coempo para atraer a clientela aos establecementos do municipio. Entre estas campañas atópase a actual das festas do Nadal, que inclúe a repartición de 7.000 euros en premios entre as persoas que adquiran produtos nos establecementos pertencentes á asociación.
Ademais, con este convenio tamén se realizan outras campañas en determinadas épocas do ano, como as relacionadas co Día da Nai, do Pai, os Magostos ou as rebaixas.