Melchor, Gaspar e Baltasar cambian a cabalgata por unha recepción no porto deportivo
Por Redacción
A falta do rei emérito, serán outros reis os que este nadal paseen polo porto deportivo de Sanxenxo. Melchor, Gaspar e Baltasar cambiarán a súa tradicional cabalgata por unha recepción que se celebrará o 5 de xaneiro na Sala Nauta.
O encontro, segundo avanza o Concello de Sanxenxo, realizarase baixo un estrito control anticovid, pero sen que iso reste un chisco á maxia deste tradicional encontro.
Habilitará itinerarios de entrada e saída, o espazo estará ventilado e contará con áreas de desinfección nos accesos ao interior da sala que estará acondicionada como unha auténtica recepción real.
No exterior, despregarase un dispositivo para evitar aglomeracións e que as entradas á sala Nauta se realicen de forma ordenada e por estrita orde de chegada.
Será a partir das cinco da tarde cando comece a recepción real que non concluirá ata que todos os nenos que acudan ao encontro poidan ver aos Reis Magos de Oriente.
Para facilitar a chegada a esta recepción, o Concello habilitará dúas horas máis gratuítas no aparcadoiro do porto deportivo a todas as familias empadroadas en Sanxenxo, que se sumarán ás dúas horas que xa teñen habitualmente de gratuidade no estacionamento.