Sanidade alivia restricións en Pontevedra, Marín e Poio e permite abrir o interior dos bares ao 30%

Por Alejandro Espiño
A boa evolución da incidencia da covid-19 en Pontevedra, Marín e Poio levou ás autoridades sanitarias a aliviar as restricións impostas nestes tres municipios. Así o anunciou este venres o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Esta decisión, que vén avalada polo subcomité clínico, permitirá que os establecementos de hostalería poidan atender a clientes no seu interior, cun límite máximo de ocupación do 30%. O aforo nas terrazas mantense no 50%. Todo iso ata as cinco da tarde.
As reunións sociais, tanto en espazos públicos como privados, seguirán limitadas a catro persoas e tamén continuará vixente o peche perimetral decretado na área que forman de maneira conxunta Pontevedra, Marín e Poio.
O cambio do nivel de restrición, que quedará fixado no medio-alto, débese especialmente á menor incidencia acumulada a 14 días, que se situou na contorna dos 150 casos por cada 100.000 habitantes, e a unha presión asistencial "suficientemente favorable".
O conselleiro de Sanidade fixo un chamamento á prudencia a pesar desta "pequena apertura". Instou á cidadáns da área de Pontevedra a manter o "mesmo comportamento" que nas últimas semanas ao demostrarse que "dá resultados".
"Non podemos botar todo pola borda ás primeiras de cambio", sinalou García Comesaña, que recomendou limitar a mobilidade "ao máximo" e reducir os encontros sociais aos "imprescindibles".
A este respecto, o doutor Pedro Rascado, membro do comité clínico, lembrou que o virus "segue entre nós" e que aproveitará "calquera oportunidade que teña" para incrementar a súa incidencia. "Non podemos volver atrás", advertiu.
É "fundamental", engadiu, que nas próximas festas "tratemos de evitar" os encontros sociais con amigos e lembrou que "non todo o que está permitido é razoable facelo".
VILANOVA, SEN RESTRICIÓNS ESPECIAIS
Dentro da área sanitaria de Pontevedra tamén hai novidades con respecto aos municipios de Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, segundo García Comesaña.
Sanidade elimina todas as restricións especiais en Vilanova de Arousa, que pasa a estar no nivel básico no que, de maneira xeral, está toda Galicia. Iso é posible tras reducir a súa incidencia a 97 casos por cada 100.000 habitantes.
Todo o contrario que Vilagarcía. A pesar das restricións, a situación "non acaba de mellorar", segundo as autoridades sanitarias, que manterán unha "vixilancia detallada". Aínda que a tendencia é "estable", incrementáronse os casos no últimos tres días.
Relacionadas:
-
Parte da hostalería reabre hoxe o interior dos seus locais
Por Oskar Viéitez |
-
Un home de 60 anos, novena vítima mortal da covid nos últimos cinco días en Pontevedra
Por Redacción |
-
Clamor en Barro para que se eliminen as restricións pola covid-19
Por Redacción |
-
A covid-19 non se contén na área sanitaria, que suma 36 novos positivos e un paciente máis en UCI
Por Natalia Puga |
-
Unha muller de 89 anos, vítima 68 por coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |
-
Elevan a 719 os falecidos en Galicia durante a primera vaga da covid-19
Por Alejandro Espiño |