Rouban cable eléctrico no Polígono da Ran e sinais viarias en Portela e Noval
Por Redacción
Ata 6.000 euros. Ese é o valor dos 400 metros de cable roubado no Polígono da Ran, en Cuntis. Así consta na denuncia presentada polo Concello de Cuntis ante a Garda Civil.
O cable formaba parte do alumeado público que dá servizo á estrada principal do polígono. O roubo, que se rexistrou o pasado 30 de novembro, deixou sen funcionamento sete farois.
Ao custo do cable, segundo o goberno municipal, hai que sumarlle os custes derivados do arranxo dos estragos.
Durante esa mesma madrugada, tamén foron roubadas dúas sinais de indicación de dirección de lugares nas zonas de Noval e Portela, valoradas nuns 550 euros.
Estes feitos tamén se incluíron na correspondente denuncia, que xa investiga a Garda Civil
O alcalde, Manuel Campos, lembrou que non é a primeira vez que Cuntis sufre este tipo de actos que, segundo destacou, "supoñen un importante contratempo porque deixan sen servizos públicos a veciños e empresas".
"Os delitos contra a propiedade pública son moi habituais e supoñen unha carga importante para os concellos polo que agardamos a implicación das forzas de seguridade para rematar con eles", engadiu o alcalde, que agarda que as autoridades localicen os autores dos roubos.