Corte de tráfico en Conde Bugallal para o seu reasfaltado
Por Redacción
O Concello de Pontevedra continúa o luns coa "Operación asfalto" que dirixe o concelleiro delegado da área urbana, Luís Bará, coa mellora do firme da rúa Conde Bugallal. As obras comezarán ás 08.30 horas e rematará na xornada do martes, cando a rúa volverá á normalidade de tráfico.
Segundo o plan elaborado pola Policía Local pecharase un carril en Conde Bugallal sentido xulgados glorieta do Marco. Para realizar estes traballos, é preciso restrinxir o estacionamento en varios puntos da rúa, que xa están sinalizados.
A "Operación asfalto" son traballos de conservación e mantemento de distintas rúas do centro urbano para reparar pavimentos en mal estado, que se van deteriorando co paso do tempo, e especialmente, coas copiosas chuvias do pasado inverno. Dentro desta operación xa se realizou o asfaltado de Eduardo Pondal, a glorieta de Alexandre Bóveda ou a avenida de Bos Aires, diante do pavillón universitario.
Esta semana está previsto o asfaltado de Conde Bugallal e Germán Adrio. Houbo que retrasar a intervención na avenida de Bos Aires, subida cara Monte Porreiro, polas obras na avenida de Compostela.
A primeira fase vaise desenvolver entre os meses de setembro e outubro, cando está previsto arranxar dez das trinta rúas incluídas no plan.
Tamén está en carteira reparar diversos treitos de Loureiro Crespo, A Santiña, Enrique Marescot e Prudencio Landín. O investimento previsto nesta primeira fase é de 500.000 euros.