Morreu 'Foro', o mítico xogador do Pontevedra CF
Por Redacción
Telesforo Lorenzo Gama, máis coñecido como "Foro" faleceu ás 22:30 horas do venres 6 de setembro aos 92 anos de idade.
Nacido na parroquia de Lérez o 9 de Xaneiro de 1921, Foro foi un popular futbolista que formou parte daquel Pontevedra creado en 1941 pola fusión do Eiriña e do Alfonso, do que agora so quedan con vida Gerardo Dios e Corbacho.
Foro xogou posteriormente no Real Club Celta en Primeira División, e tras un efémero paso pola Valencia retornou ao cadro granate, por aquel entón en Terceira División, para despois enrolarse nas filas do Racing de Ferrol e o Ourense.
Contan as crónicas da época que xogaba de interior e as súas calidades eran a intelixencia e a habilidade para distribuír o xogo, por iso chamábanlle "o mestre".
O cadáver de Foro está a ser velado no Tanatorio San Mauro dende onde este domingo 8 de setembro ás 12:30 da mañá, será trasladado ata San Benito de Lérez para a súa inhumación no cemiterio parroquial.
O funeral terá lugar o próximo luns.