O BNG denuncia no Parlamento que a estrada vella a Marín "leva 40 anos sen que se lle puxese a man enriba" e pide a reforma integral
Por Redacción
O BNG levará ao Parlamento de Galicia a situación da estrada PO-546, a coñecida como estrada vella entre Pontevedra e Marín, e pedirá que a Xunta acometa a mellora integral da vía.
O BNG rexistrou este mércores no Parlamento unha iniciativa sobre esta vía, que parte do barrio de Mollavao e discorre ata o núcleo urbano de Marín pasando polos núcleos de Ponte Muiños, A Igrexa, o Roxo, Os Praceres e Estribela, na parroquia de Lourizán.
O deputado pontevedrés Luís Bará será o encargado de trasladar a petición, e pedirá que a reforma inclúa a mellora da mobilidade peonil e ciclista, unha senda peonil de entre 1,5 e 2, 5 metros na marxe dereita en dirección Marín, a urbanización da zona urbana de Estribela e a recuperación dos terreos abandonados entre a estrada e a vía do tren para crear un miradoiro sobre a ría entre a gasolineira de Mollavao e Ponte Muiños.
Bará denuncia que o vial "leva 40 anos sen que se lle puxese a man enriba" e propón actuacións diferenciadas para as zonas de Mollavao-Ponte Muíños, A Igrexa, O Rozo, Os Praceres e Estribela.
Segundo o deputado pontevedrés, o estado da estrada autonómica PO 546 é "moi deficiente ao paso polo concello de Pontevedra". Trátase, segundo o parlamentario, dunha vía con moitas carencias en materia de seguridade, sobre todo para o tránsito peonil e ciclista; carece de beirarrúas e beiravías transitables, presenta graves deficiencias en materia de accesibilidade, ten carencias en materia de sinalización e alumeado e as marxes presentan un estado de absoluto abandono.
Para o deputado do BNG, en tanto que o treito pontevedrés leva practicamente 40 anos sen actuacións, mais alá duns metros de beirarrúas que incumpren a normativa de accesibilidade, na zona de Marín realizouse a urbanización do treito da PO546 que corresponde coa avenida Concepción Arenal mediante un convenio entre a Xunta e o concello, con un investimento de 1,6 millóns, dos que a administración autonómica pon o 80%.