Aprobado por unanimidade o Plan de Mobilidade urbana e sostible
Por Redacción
A través dun pleno extraordinario telemático, este martes a corporación municipal de Bueu aprobaba o Plan de Mobilidade urbana e sostible (PMUS). Este documento servirá de folla de roteiro para mellorar as redes de comunicación do municipio, a través de espazos para a cidadanía e o fomento dunha boa conexión entre as zonas urbanas e o medio ambiente, atendendo aos criterios establecidos pola Estratexia Europea 2020.
Todos os grupos, BNG, ACB, PP e PSOE apoiaron o documento presentado por Xosé Leal, concelleiro encargado da área de Medio Ambiente e Mobilidade. Leal afirmou que se trata dun instrumento estratéxico que establecerá as liñas para seguir durante os vindeiros anos e permitirá que o Concello poida acceder a subvencións.
O plan foi elaborado pola empresa Terravanza, cun orzamento de 13.303 euros, con cargo a unha subvención da Deputación de Pontevedra. Os técnicos traballaron desde inicios deste 2020 con reunións con responsables políticos municipais e con encontros con colectivos sociais.
O documento establece seis estratexias: facilitar a mobilidade peonil e ciclista; potenciar o transporte público; racionalizar o uso do automóbil; mobilidade turística e sostible; mobilidade inclusiva, segura e ambiental; e xestión da mobilidade.
Con estes criterios realizaranse senllas peonís, camiños no rural, puntos de alugueiro de bicicletas, entre outras medidas. Tamén se potenciará o uso do transporte público con mellora de accesibilidade nas paradas e a creación dun punto de intercambio de transporte. Reordenarase o tráfico, xestionaranse espazos de aparcamento de diversos usos e eliminaranse barreiras arquitectónicas. Entre outros puntos, tamén se recolle a mellora de seguridade nos cruces, os camiños escolares de desprazamento infantil aos centros de estudo e a incorporación do vehículo eléctrico.