Ponte Caldelas homenaxeará as súas avoas cun gran mural na vila
Por Redacción
Unha avoa acompañada dun sacho e con dúas vacas. Así será o gran mural co que o Concello de Ponte Caldelas quere homenaxear a todas as mulleres rurais do municipio.
Esta intervención artística está proxectada para a medianeira do edificio San Martín, no lado da Praza Placeres Castellanos Pan que dá cara a Fonte do Chafarís.
O goberno municipal manterá unha asemblea cos veciños do edificio San Martín, cando a situación epidemiolóxica o permita, para amosarlles o proxecto que pagará o Concello.
O alcalde, Andrés Díaz, destaca que as avoas "son unha figura entrañable e imprescindible nas nosas vidas" e con este mural buscan poñer en valor o seu carácter "rural, loitador, incansable e traballador a rabiar".