Alumnos procedentes de 11 países desafían á pandemia e trasladan os seus estudos ao campus de Pontevedra
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A pandemia da covid-19 provocou unha baixada no número de estudantes estranxeiros que elixen España para iniciar ou continuar os seus estudos. Na Universidade de Vigo, a presenza de estudantes foráneos este curso reduciuse a preto da metade con respecto ao precedente.
Malia a situación sanitaria, o campus de Pontevedra acolle este curso académico 2020-2021 un total de 27 alumnos provenientes de 11 nacionalidades. Segundo informa Digna Besadío no DUVI, o Diario da Universidade de Vigo, os países desde onde chegan estudantes a Pontevedra son Arxentina, Brasil, Reino Unido, Colombia, México, Francia, O Salvador, Italia, Polonia, Portugal e Lituania.
Os 27 alumnos estranxeiros distribúense entre a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde estudan 13; Fisioterapia, con sete; cinco en Belas Artes; e dous en Ciencias da Educación e do Deporte.
DO SALVADOR A PONTEVEDRA
En moitos casos, os alumnos recibiran a aprobación para cursar estudos internacionais antes de que se declarase a pandemia mundial. Lonxe de adiar a súa estadía fóra, preferiron aproveitar esta oportunidade para ampliar os seus coñecementos e experiencias.
Foi o caso de Katherine Xiomara, procedente do Salvador e que é unha das protagonistas das experiencias que se recollen no mencionado artigo do DUVI.
Procedente da Universidade Centroamericana José Simeón Cañas, asiste ás clases do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional que ofrece a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. Sobre a decisión de viaxar a España malia a pandemia explica que "en países e contextos como nos que eu vivo estas oportunidades non caen do ceo, así que a miña intención era aproveitar con gratitude o que me estaban a ofrecer".
Nestes días, coa mobilidade limitada, asegura que está ben adaptada a Pontevedra. "Non nego que me encantaría coñecer outros sitios, pero, por outra banda, teño moito que ler, que escribir e investigar, actividades que perfectamente podo desenvolver desde a miña casa", matiza Katherine Xiomara. Con todo, permitiuse algunhas visitas a lugares próximos, como a praia de Portocelo, no veciño concello de Marín, na que posa para a foto que acompaña o artigo.