Obras nas rúas Teixoeira e San Antoniño provocan cortes de tráfico esta semana
Por Redacción
A rúa San Antoniño e a contorna da glorieta de 12 de Novembro con Teixoeira serán obxecto de diversos cortes de tráfico puntuais durante esta semana para poder realizar obras pendentes de mellora da capa de rodadura.
Segundo informou o Concello de Pontevedra, trátase de traballos pendentes para continuar coa segunda fase das obras de rehabilitación da capa de rodadura en tramos de diversas rúas da cidade.
Os primeiros cortes realizaranse este mércores 18 de novembro na contorna da glorieta da rúa 12 de Novembro coa rúa Teixoeira. Durante toda a xornada non se poderá circular pola rúa Teixoeira e habilitarase un só carril da rúa 12 de Novembro (que cambiará segundo o avance dos traballos).
Unha parte dos traballos tamén implicarán o peche ao tráfico durante unhas horas da rúa Francisco Tomás y Valiente, na que están ubicados os xulgados.
O xoves 19 de novembro os cortes afectarán á contorna da praza de Barcelos. Durante a mañá pecharase a rúa San Antoniño desde o acceso desde a intersección coa praza, polo que o acceso deberá realizarse desde a rúa Benito Corbal.
Pola tarde, continuarán os traballos pero coa rúa xa aberta á circulación. Tamén permanecerá aberta a rúa Eduardo Pondal este mércores mentres se realicen traballos similares que non conlevan ningún peche.