Proxectan a recuperación do parque de Valdecorvos e a renovación de todas as súas sendas
Por Redacción
Máis de 50.000 prevé investir o goberno municipal nun proxecto que permitirá recuperar o parque de Valdecorvos, cunha actuación de acondicionamento integral que incluirá a renovación de todas as súas sendas e pasarelas e a creación dun pequeno miradoiro.
O concelleiro de Medio Natural, Iván Puentes, sinala que as obras, que se desenvolverán durante as vindeiras semanas, buscan solucionar os problemas de arrastres de material, fochas ou atascos nas recollidas de pluviais que hai nas sendas do parque.
Para solucionar esta situación haberá unha achega de máis de 20.000 euros para reforzar o pavimento de xabre da rede de camiños con estabilizantes para incrementar a súa duración futura e para repoñer arquetas e reixas de recollida de augas en mal estado.
Vaise a actuar en máis de 1.000 metros cadrados de superficie de camiños.
Os elementos de madeira, como a ponte e a pasarela existentes no regato de Valdecorvos e as diversas varandas, escaleiras e pasamáns, serán restaurados na súa totalidade para garantir o mellor uso do espazo e a comunicación entre o parque e a avenida de Lugo.
O importe destas últimas actuacións rolda os 13.000 euros.
Na zona oeste do parque, onde existe unha pequena carballeira con exemplares notables dun importante valor paisaxístico e natural, o Concello quere crear un lugar de estancia e un miradoiro, xa que segundo Puentes estes carballos "enmarcan unha fermosa vista cara a cidade e o río Lérez que queremos aproveitar".
O proxecto contempla ademais unha limpeza de todo o contorno mediante tarefas de roza, sega e poda de arborado, segundo avanzou o edil socialista, que asegura que tamén se arrombarán todas as zonas verdes desta área de Valdecorvos.
Relacionadas:
-
Urxen o arranxo dos danos no parque de Valdecorvos
Por Redacción |
-
Desenvolvemento Sostible avanza na rexeneración integral do parque de Valdecorvos
Por Redacción |
-
A partir deste sábado 14 estará dispoñible o novo aparcadoiro de Valdecorvos
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Nova vida para o estanque das Palmeiras, cun novo sistema de depuración e esterilización e limpeza en profundidade
Por Redacción |