O proxecto para a reforma integral da Santiña, enviado a Patrimonio pola súa afectación ao Camiño de Santiago
Por Natalia Puga
O proxecto para a reforma integral da rúa da Santiña, na zona do Burgo, está xa elaborado e foi enviado á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para que emita o preceptivo informe, necesario ao tratarse dunha vía pola que pasa o Camiño de Santiago. Esta rúa sitúase na parte final do tramo urbano do roteiro xacobeo e o Concello quere mellorala e integrala co itinerario de peregrinación.
O Concello de Pontevedra está "ultimando os detalles" desta reforma e, unha vez feito o proxecto, remitiuse a Patrimonio. Segundo deu a coñecer a portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, en canto Patrimonio emita o seu informe, sacarán o proxecto a contratación.
A intención municipal é que a tramitación non se demore e poida iniciarse a finais de 2020 ou principios de 2021. Esta reforma integral é, tal e como lembrou Gulías, "un enclave estratéxico" para o Concello neste mandato municipal.
Á espera de que o proxecto avance, a Xunta de Goberno local abordou este luns, fóra da orde do día, unha solicitude de licenza urbanística para construír un novo edificio nesta rúa. En concreto, trátase dun inmoble para 16 vivendas que daría á avenida da Coruña cunha fachada e coa outra cara á Santiña
Gulías valorou esta nova licenza como unha boa noticia porque supón urbanizar a zona e cubrir un oco dun solar que quedaba baleiro nas dúas rúas.
O Goberno local confía en completar a humanización do Burgo, un dos barrios históricos de Pontevedra, coa reforma integral de dúas das súas principais arterias: A Santiña e a Rúa da Torre.
No caso da Santiña, a súa reforma integral custará uns 1,5 millóns de euros. A rúa terá plataforma única en case todo o seu trazado e terá un tratamento diferenciado na zona máis próxima á ponte do Burgo. O Concello pretende priorizar o uso peonil da rúa, renovar todas as redes de servizos soterrados e crear novas zonas de estancia no espazo público, o que obrigará a reordenar os aparcamentos.
Para a Rúa da Torre, o goberno municipal reservou 91.000 euros. A obra permitirá habilitar plataforma única, medidas de acougado de tráfico e a renovación dos servizos e de todo a iluminación pública.