Sanxenxo modifica o seu PXOM para facer "máis eficiente" o seu planeamento
Por Redacción
A Xunta de Galicia aprobou a modificación do PXOM de Sanxenxo solicitada polo goberno municipal. Os cambios, destacan desde ambas institucións, teñen como finalidade mellorar a ordenación prevista e corrixir algunhas eivas detectadas no planeamento vixente.
Os trámites para esta modificación comezaron en marzo de 2017. Os cambios afectan a todo o ámbito municipal e abarcan diferentes aspectos, seguindo o modelo que se iniciou no ano 2003 coa aprobación do plan xeral de ordenación municipal.
O Concello introduciu unha serie axustes para facer "máis eficiente" a aplicación do seu planeamento e modernizar o municipio.
Así, segundo o establecido na memoria do documento urbanístico, entre os principais obxectivos propostos figura corrixir a dobre clasificación que outorga o PXOM a determinados terreos situados na Rede Natura 2000.
Adecuar a cartografía do planeamento municipal aos cambios de trazado de diferentes estradas provinciais e comarcais ou adaptar o trazado dalgúns viarios para unha mellor articulación do sistema de comunicación son outras das modificacións feitas no documento.
Esta modificación tamén cambiará a cualificación de parcelas nas que existen maioritariamente instalacións hoteleiras, redelimitará o núcleo rural de Aios e modificará a normativa para establecer unha regulación máis detallada das condicións de uso e edificación.
Ademais destes cambios, Sanxenxo tramita a modificación da ordenanza hoteleira coa que busca estimular a mellora e modernización destas instalacións e facilitar a posible conversión dun hotel nunha residencia para persoas maiores.