O PP esixe reforzar a recollida de lixo para evitar imaxes "nada desexables"
Por Redacción
A limpeza e hixiene de Pontevedra, denuncia o Partido Popular, "non se axustan" á situación creada pola pandemia da covid-19. A edil Pepa Pardo considera que se rexistran imaxes "nada desexables" coa acumulación de lixo en varios puntos da cidade.
Por iso, os populares propuxeron unha batería de accións para reverter o estado de "sucidade" de Pontevedra que pasaría por reforzar o sistema de recollida de lixo.
Pardo esixe ademais a limpeza e desinfección dos contedores do municipio e o mantemento continuo e substitución dos mesmos cando se atopen xa deteriorados.
No documento que presentarán ante o goberno municipal, o PP pide incrementar os contedores de reciclaxe e das papeleiras e o reforzo da limpeza nas parroquias.
A edil popular engade a estas demandas que se realice un maior número de actuacións de desratización, ante a presenza de roedores na cidade.