Rouban máis de 5.000 berberechos en Arousa cos que se investigaba a eliminación do parásito 'Marteilia'
Por Redacción
A Consellería do Mar presentaba nas últimas horas unha denuncia ante a Garda Civil polo roubo de ao redor de 5.200 exemplares de berberecho que pertencían a un proxecto de investigación que o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Vilanova de Arousa realizaba desde xaneiro de 2019.
O roubo rexistrábase nunha batea instalada na ría de Arousa. Os ladróns levaron tres lotes de berberechos entre os que se atopaba un formado por individuos de segunda xeración que sobreviviron na zona a pesar de contar co parasito Marteilia cochillia. Eses moluscos, resistentes ao parasito segundo estes estudos, ían utilizarse tanto para crear unha terceira xeración como para sometelos a un novo episodio de marteilia para probar a resistencia
Os outros dous lotes estaban formados por exemplares híbridos das familias do berberecho común e do berberecho birollo para comprobar que resistencia ofrecían ao parasito. Estes moluscos están considerados o único caso mundial de produción en criadeiro de híbridos entre estas dúas espeies e comprobouse unha supervivencia alta.
A investigación centrábase en obter estirpes resistentes á Marteilia cochilia mediante engorde en batea de semente producida en criadeiro. A conselleira do Mar Rosa Quintana visitaba este luns as instalacións do CIMA en Corón e lamentaba este furto.
A acción delituosa supón a perda de máis de dous anos de traballo empregados na cría destes exemplares e supoñerá poñer fin a esta liña de investigación encamiñada á procura de estirpes resistentes ao parasito para mellorar a produción de berberecho nos bancos marisqueiros de Galicia. O proxecto finalizaba en decembro de 2020 e o furto supón a perda de información para optimizar as técnicas de maduración artificial e de mellora do cultivo larvario, entre outras cuestións.
Rosa Quintana solicita á cidadanía que achegue información para aclarar este incidente que supón un obstáculo para o traballo científico que melloraría a produción de berberecho en Galicia e tamén a economía de milleiros de persoas que extraen este molusco nas rías de Galicia.
A 'marteilia' afecta os moluscos bivalvos e debilítaos, pero é inocuo para o ser humano. Apareceu no berberecho en 2012 e desde o Intecmar incrementáronse os procesos de análises e o CIMA realizaba os estudos para controlar a transmisión entre as especies.
Este furto é o segundo destas características que afecta á investigación, o anterior rexistrouse en decembro de 2016, e conleva unha perda moi importante de información e que causa perdas notables de fronte ao futuro do sector unha vez finalizados os estudos.