Sae do laboratorio un "supermexillón" máis resistente ás mareas vermellas
Por Oskar Viéitez
Unha investigación coordinada por científicos do Centro de Investigacións Mariñas de Vilanova de Arousa e da facultade de Veterinaria de Lugo descubriu que é posible crear mexillóns que acumulen menos toxinas procedentes das mareas vermellas.
No marco do proxecto Epitox, mediante selección xenética, lograron un "supermexillón" que é capaz de reducir a presenza das tóxinas a niveis inferiores aos prexudiciais para a saúde humana.
A revista Aquaculture publica este traballo que amosa que é posible reducir o impacto das toxinas complementando ou reemplazando a semente silvestre coa producida nun criadeiro.
Unha das conclusións deste traballo é que os mexillóns máis grandes e máis brancos parecen acumular menos toxinas.
NIN SON MAREAS NIN SON VERMELLAS
A coñecida como marea vermella no é tal, non é unha marea nin é sempre vermella. A tamén chamada purga de mar é un afloramento mariño dalgunhas algas microscópicas que medran nas rías galegas.
Baixo determinadas condicións ambientais, con cambios de temperatura ou de correntes, prodúcese un fenómeno biolóxico natural elevándose a presenza de fitoplancto que tingue a auga da cor dos pigmentos que estes organismos utilizan para facer a fotosíntese. Maioritariamente son vermellos, pero hainos tamén pardos, alaranxados ou verdes.
Algunhas microalgas teñen toxinas. As máis habituais nas augas galegas son as do xénero Dinophysis, coñecidas como toxinas diarreicas. Algúns moluscos e crustáceos, como a vieira ou mexillón, entre outros, filtran a auga e as toxinas, que se fixan no seu organismo e poden causar problemas de saúde das persoas en caso de seren consumidos.
Antes da creación dos mecanismos de control, houbo tamén casos de intoxicación amnésica e paralizante.
PROXECTO REMEDIOS
Investigadores da Universidade de Vigo, o Instituto Español de Oceanografía e o Consejo Superior de Investigacións Científicas desenvolven o proxecto científico Remedios que ten como finalidade determinar o papel da turbulencia no crecemento do fitoplancto tóxico que provoca as mareas vermellas nas rías galegas.
O estudo, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade arrancou a comezos de 2017 e desenvolverase ata finais de 2019.