O comercio teme ir detrás da hostalería e pide axuda
Por Oskar Viéitez
A Federación de Comercio de Pontevedra, que engloba un total de 25 asociacións, solicitou axudas para este sector diante da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e todos os concellos da provincia.
Os comerciantes demandan a exención de todas as taxas municipais e unha campaña publicitaria de promoción. Queren ademais que se activen programas de incentivación do consumo no comercio de proximidade.
Outra das súas demandas é o aprazamento dos créditos ICO e de intereses vinculados aos mesmos, incrementando os prazos de amortización ou devolución, así como o aumento dos prazos de impostos e a condonación dos intereses de amora dos aprazamentos tanto de Facenda como a Seguridade Social.
Segundo explica Victorino Fernández Misa, desde esta federación que el preside dirixíronse aos gobernos locais de cada concello da provincia "para que dunha forma decidida aposten dunha vez por todas polo comercio local e de proximidade que son o pulmón económico da actividade empresarial da provincia".