A Xunta inicia o proceso para adxudicar tres vivendas de promoción pública en Monte Porreiro
Por Redacción
A Xunta de Galicia inicia o procedemento de selección dos adxudicatarios de tres vivendas de promoción pública no barrio pontevedrés de Monte Porreiro que foron obxecto dunha actuación de rehabilitación en materia de eficiencia enerxética por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que investiu preto de 600.000 euros na reforma.
Estes tres pisos están localizados na rúa Alemaña e teñen unha superficie útil de 75 metros cadrados e tres habitacións. Están pensados para unidades familiares de catro ou máis membros.
A adxudicación producirase en réxime de propiedade ou aluguer. As condicións que deberán cumprir as persoas beneficiarias será estar rexistrado no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia para o municipio de Pontevedra, ter uns ingresos comprendidos entre 0,7 e as 2,5 veces o IPREM, residir ou traballar no concello de Pontevedra, salvo no caso de emigrantes que desexen retornar; e carecer de vivenda en propiedade.
O sorteo das vivendas terá lugar o 19 de novembro ás 10 horas ante notario. Os agraciados deberán acreditar que reúnen os requisitos esixidos para resultar adxudicatarios da vivenda.
Doutra banda, o DOG recolle tamén este venres outra resolución pola que se inicia o procedemento de selección de adxudicatarios para aquelas vivendas de promoción pública que poidan quedar vacantes ao longo do ano noutras promocións existentes na cidade.
A través desta lista poderá asignarse en segundas e posteriores adxudicacións as vivendas de promoción pública que actualmente están alugadas, de modo que se axilice o procedemento no momento en que queden baleiras pola renuncia dos seus actuais adxudicatarios. Neste caso, o sorteo realizarase tamén o 19 de novembro ás 10.30 horas.