Contedores con forma de balón de fútbol para animar á cidadanía a reciclar vidrio
Por Redacción
Dous orixinais contedores que imitan no seu aspecto exterior a unha pelota de fútbol. ÿ a idea sobre a que xira unha campaña posta en marcha polo Concello de Sanxenxo e Ecovidrio, a asociación sen ánimo de lucro encargada de xestionar o reciclado dos envases de vidro depositados nos contedores de toda España. O obxectivo é fomentar no municipio a reutilización deste tipo de residuos.
A concellería de Medio Ambiente situou estes recipientes na rúa Progreso de Sanxenxo e na rúa Rafael Pico de Portonovo, ao tratarse de zonas moi accesibles e que darán servizo a un gran número de veciños.
A administración local busca con esta acción espertar a atención da cidadanía a través destes rechamantes contedores, animándolles a aumentar os seus niveis de reciclaxe de vidro, unha práctica que conleva enormes beneficios para a conservación do medio ambiente.
José Luís Rodríguez, o edil delegado desta área, aproveitou a ocasión para recordar que os contedores verdes serven para depositar únicamente os envases de vidro, como tarros, frascos e botellas. Outros tipos de materiais (vasos, cristais de fiestras, cerámica, entre outros) deben ser entregados no Punto Limpo ao ter unha composición distinta.
TONELADAS RECICLADAS EN 2012
Segundo os datos relativos a 2012, os veciños de Sanxenxo reciclaron un total de 359.323 quilogramos de vidro, o que supón unha media de 20,5 quilogramos de vidro por persoa. Tal e como informaron desde Ecovidrio nos próximos días substituirase algún contenedor de vidro roto e crearanse novos puntos de recollida. Os novos recipientes disporán dunha boca ancha para facilitar o acceso aos establecementos de hostalería.