Conclúen os traballos de mellora da sinalización das rutas dos muíños da Freixa e de Samieira
Por Redacción
A concelleira de Turismo, Silvia Díaz, pasou revista este mércores aos últimos retoques da actuación impulsada desde o seu departamento para mellorar a sinalización existente nas rutas dos muíños de Samieira e da Freixa, na parroquia de San Xoán.
As tarefas leváronse a cabo nas últimas semanas, logo de que o proxecto fose adxudicado a principios do pasado mes de outubro. O orzamento deste proxecto ascendeu a máis de 18.000 euros que se financiaron cunha achega da Axencia Galega de Turismo e fondos municipais.
Grazas a esta actuación, ambos sendeiros pasan a contar con novos paneis informativos, que achegan datos e imaxes sobre a contorna e as características dos muíños, así como textos explicativos que falan das características da flora e da fauna que se poden atopar nestas zonas. En total, ambas rutas contan cun total de 30 muíños, 23 dos cales se emprazan na senda de Samieira, que se estende ata preto dos seis quilómetros, contando ida e volta. Os sete restantes pódense atopar ao longo dos 1.800 metros da Freixa.
Os paneis foron fabricados con material específico para respectar o medio ambiente.
Silvia Díaz amosou a súa satisfacción pola conclusión destes traballos, que se facían necesarios debido ao deterioro que presentaban algúns dos paneis, por mor das inclemencias meteorolóxicas.
"O mantemento en bo estado e a conservación destes espazos é unha prioridade para nós, dado o seu valor medioambiental e patrimonial, ademais de ser un importante reclamo para os visitantes e a propia veciñanza", dixo Silvia Díaz.
Relacionadas:
-
O Concello proxecta enlazar a Ruta dos Muíños de Samieira co paseo costeiro de O Laño e Covelo
Por Redacción |
-
Silvia Díaz, concelleira de Turismo de Poio, relaciona os desperfectos nos Muíños da Freixa con actos vandálicos
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Destinan 18.000 euros á sinalización dos muíños de Samieira e da Freixa en San Xoán
Por Redacción |