Os socorristas de Marín atenderon 1.646 incidencias en dous meses este verán
Por Redacción
Os 'vixilantes da praia' de Marín fóronse para a casa o domingo 1 de setembro. No medio da polémica polo cesamento de servizo, este mércores o Concello fixo balance da actividade durante os dous meses en que estiveron a traballar. Os socorristas atenderon un total do 1.646 incidenciasas en Loira, Aguete, Mogor e Portocelo.
Segundo os datos facilitados, a intervención máis habitual dos socorristas marinenses foi este verán a picadura de faneca. Unha de cada tres incidencias rexistradas tiveron esta orixe, un total de 503 nas cinco praias do municipio. En Mogor houbo 191; en Aguete 1, 176; en Aguete 2, 55; en Loira, 50; e en Portocelo, 31.
As feridas foron a segunda causa de intervencións, con 438, e e as picaduras de avespas a terceira, con 195 incidentes rexistrados en dous meses, o maior número en Mogor (59). Avisos orixinados polo golpe dun balón (77), outras picaduras (59), avisos por incidencias en embarcacións (53) e traumatismos (43) completan a lista de incidencias máis habituais nos areais de Marín.
Por situacións, a praia que deu máis traballo aos vixilantes foi Mogor, con 511 incidencias entre xullo e agosto. En Aguete 1 foron 366, seguida de Portocelo (279), Aguete 2 (266) e Loira (224).