Tráfico intercepta un condutor bébedo que circulaba facendo eses pola autoestrada
Por Oskar Viéitez
Varios condutores que ían pola autoestrada AP-9 chamaron á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra alertando dun vehículo que circulaba de forma errática desprazándose de dereita a esquerda, causando un evidente perigo, para a circulación no lugar.
Os feitos ocorreron o pasado xoves día 22. Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, foi activada unha patrulla do Destacamento da Garda Civil de Tráfico de Pontevedra que logrou interceptar ao citado vehículo á altura de punto quilométrico 121, termo municipal de Barro.
Unha vez detido o vehículo e identificado o seu condutor, os axentes observaron que este presentaba claros signos de atoparse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, polo que, fixéronlle a proba de detección alcohólica, dando un resultado de 0.92 mg/l en aire aspirado, case catro veces máis do máximo legalmente establecido.
Por este motivo este condutor é investigado como autor dun presunto delito contra a seguridade viaria, e pode enfrontarse á pena de prisión e penas de multa de 6 a 12 meses.
Desde o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra agradecen a colaboración cidadá e destacan que unha simple chamada telefónica é fundamental para evitar situacións de risco que poñen de manifesto un evidente perigo para a seguridade viaria.