Agosto deixa "moi bos datos turísticos" en Sanxenxo
Por Redacción
O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) fixo públicos este luns os datos de ocupación na súa zona de influencia, correspondentes ao mes de agosto pasado cunha ocupación media do 82,06%.
Alejandro Touriño, presidente do Cets destacou que "tivemos un aumento na ocupación total xeral do mes de agosto con respecto ao mesmo mes do pasado ano dun 8,31%". Nesta enquisa participaron 93 de empresas asociadas
O Consorcio tamén consultou os datos dos sectores de restauración, ocio e oferta complementaria e nunha enquisa realizada entre os nosos asociados (participaron 21 establecementos) valorasen o índice de consumo dos clientes e nunha escala do 1 ao 5, o medio resultante foi dun 4,18 con respecto ao 3,36 do mes de agosto do ano pasado.
"Os resultados son moi bos neste mes de agosto, unha bafarada de aire fresco tan necesario para este sector tan castigado pola crise. A excelente climatoloxía que puidemos gozar foi clave, pero non debemos caer en triunfalismos, esperar o peche da tempada para realizar un estudo pormenorizado dos datos, para saber as próximas actuacións que se deben aplicar turisticamente para o afianzamento destes," declarou Alejandro Touriño.
"Sen dúbida a marca Sanxenxo segue sendo o baluarte máis importante e é por iso que debemos seguir traballando nela. A internacionalización debe ser tarefa prioritaria para Galicia e punto de encontro de todo o sector turístico galego. A Volta Ciclista a España foi todo un éxito e sen dúbida débese seguir apostando por eventos como este", concluíu.