Gómez Besteiro, candidato a liderar o PSdeG: "Manel Vázquez é o meu compañeiro, o meu rival é a dereita de Núñez Feijóo"
Por Redacción
Nunha xornada de visitas matinais de campaña polo sur da provincia, o candidato lucense á Secretaría xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chegaba a Pontevedra con máis de vinte minutos de atraso autoinculpándose da tardanza ante a prensa. Na sede socialista agardaban os tres concelleiros na corporación pontevedresa con Antón Louro ao fronte.
O candidato a liderar o proxecto socialista galego refiríuse ao outro aspirante, o alcalde da Illa, Manel Vázquez, de quen afirmou que "é o meu compañeiro, o meu rival é a dereita de Núñez Feijóo que é a máis dura, máis insensible, máis reaccionaria dos últimos 30 anos porque fai dano coa súa política ás persoas. Non hai rivalidade entre os dous".
Non obstante non considera ningún tipo de acordo para presentar unha candidatura conxunta: "A vida é eleccións. O día 7 de setembro terán que escoller entre os dous candidatos. E espero que todos os militantes vaian votar. Creo que vou ser mellor secretario xeral que o compañeiro Manel pero pido o voto para que a xente se mobilice".
Segundo Gómez Besteiro, estas primarias entre os socialistas galegos abren un "camiño pioneiro, con certeza e que ven os outros partidos políticos co rabillo do ollo para dicir que elexir os militantes ao seu dirixente é unha idea moi boa e máis nos tempos que nos toca vivir".
O candidato sinalou que é necesaria unha renovación dentro do partido e non só a través da introdución de novas caras. Os seus obxectivos céntranse en que os socialistas saian unidos deste proceso a través dunha agrupación "que saiba sumar e coser".
En canto a propostas, o socialista aposta por apoiar á educación como fórmula para crear emprego.