Sanxenxo recuperará o leito natural do río Sear, en Dorrón
Por Redacción
Recuperar o leito do río Sear e restaurar o cruzamento do camiño municipal que atravesa son dous dos obxectivos da obra que o Concello de Sanxenxo acometerá antes de que conclúa o ano en Dorrón. Uns traballos que roldarán os 30.000 euros e que acabarán coas inundacións provocadas polos desbordamentos periódicos do río.
Os traballos contemplan a retirada dunha tubaxe duns 100 metros de longo e retomar o leito natural do río. Os problemas coa actual canalización provocaron afundimentos en parte do cruzamento que atravesa o río xerando un importante problema de seguridade viaria na contorna.
O goberno local quere recuperar unha zona que se inclúe dentro dun itinerario peonil de gran beleza paisaxística e potenciar os recursos naturais do municipio, aumentando a calidade do servizo e a comodidade dos usuarios.