Colectivos de Marín e Pontevedra concéntranse contra a intervención militar en Siria
Por Redacción
Diversos colectivos sociais de Pontevedra e Marín manifestarán este luns 2 de setembro a súa oposición á intervención militar estranxeira en Siria que solicitou a propia oposición do pais e que están estudando distinas nacións como Estados Unidos.
Baixo o lema 'Imperialismo fóra da Siria! Pola paz e a soberanía dos pobos' concentraranse ás 20.30 horas na praza da Peregrina, aínda que coa advertencia de que en caso de que se produza un ataque con anterioridade a esa convocatoria, o acto sería inmediatamente despois do mesmo.
As organizacións convocantes son A.C. Almuinha, Amigos da Cultura, A Revira, o Bloque Nacionalista Galego, Causa Galiza, o Colectivo Nacionalista de Marín, a Confederación Intersindical Galega, Galiza Nova, Isca!, a Liga Estudantil Galega, Mar de Lumes-Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, o Movimento Veciñal a prol dos Servizos Públicos, Nós-Unidade Popular, o Partido Comunista do Povo Galego e Queremos Galego-Marín.
Sosteñen que a agresión en curso contra Siria "tería gravísimas consecuencias para unha rexión xa torturada, empobrecida e agredida", e constituiría "unha nova violación do Dereito Internacional en virtude da lei do máis forte". Ademais, denuncian a "complicidade" do Goberno de España.