Deporte e contacontos para concienciar sobre a diabetes
Por Manu Otero
O 14 de novembro conmemórase o día mundial da diabetes e en Pontevedra teñen planeado un amplo programa de actividades para dar visibilidade ás necesidades das persoas con esta enfermidade e facer oír as súas reivindicacións, que pasan por esixir máis recursos en investigación para que "a diabetes deixe de ser unha enfermidade crónica", reclamaron este mércores representantes das asociacións Anedia e Diabetes Cero.
Para conseguir o seu obxectivo, ambas as asociacións e o Concello deseñaron diversas accións na cidade relacionadas co deporte e coa literatura nos centros educativos. Durante outubro e novembro está prevista a celebración dunha volta a España virtual, tres sesións de contacontos en colexios da capital e unha milla para atletas federados de todas as idades na pista de atletismo do CGTD.
Esta carreira, que se celebrará o 14 de novembro con todas as medidas de seguridade, contará coa participación duns 200 atletas. O único requisito para poder participar é estar federado e ter máis de 8 anos. A carreira será retransmitida por streaming e estará dividida por idades e categorías.
"Polas circunstancias terá que ser moito máis reducida", explicou a presidenta de Anedia, Charo Lafuente, sobre a tradicional carreira popular que nesta sétima edición tivo que cambiar a avenida de Montero Ríos pola pista de atletismo.
Tamén no plano deportivo e a nivel estatal, Diabetes Cero organiza unha Volta a España virtual que finalizará o 2 de novembro. Un evento non competitivo que consiste en rexistrarse en Carreirasgalegas.com para obter un dorsal, realizar unha doazón simbólica para contribuír á investigación e subir ás redes sociais os quilómetros percorridos a pé, en bicicleta, a nado ou realizando calquera tipo de actividade deportiva.
O evento, baixo o lema "Quilómetros pola Diabetes", colabora tamén coa axenda europea 2030 para alcanzar 17 obxectivos de desenvolvemento sostible. "Haberá 17 etapas, unha por cada comunidade autónoma e cada unha por un destes obxectivos, en Galicia tocounos a protección da vida submarina", explicou Salva Budiño, delegado en Galicia de Diabetes Cero, outra das metas desta cita que conta coa colaboración do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo.
O terceiro alicerce desta campaña está relacionado coa educación. Tres centros educativos recibirán ao longo destes meses a visita da narradora Raquel Queizás para contarlle contos relacionados coa diabetes, pensados para escolares de Educación Primaria, e que teñen como obxectivo "a integración e normalización da diabetes nos colexios", declarou Lafuente.
Desde o Concello estudan ampliar estas sesións a outros centros do municipio co obxectivo de demostrar que "un enfermo de diabetes pode facer vida normal", sinalou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen estivo acompañado polo responsable de Benestar Social, Marcos Rey, quen rematou a presentación animando "a todo o mundo a sumar quilómetros para que a diabetes deixe de ser crónica".
Relacionadas:
-
Marta Casanova pulveriza o récord galego de milla en pista no evento solidario organizado por Anedia
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Luz azul na Casa Consistorial e na Deputación para conmemorar o Día Mundial da Diabetes
Por Redacción |
-
A VII Milla Solidaria Anedia, limitada a 160 participantes e retransmitida vía streaming
Por Redacción |
-
Pontevedra, única parada en Galicia da 'Volta a España pola Diabetes'
Por Redacción |