Cuntis suspende ate o 26 de outubro todas as actividades en instalacións públicas
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
No Concello de Cuntis a situación epidemiolóxica por covid-19 empeorou nas últimas horas, chegando incluso a producirse o falecemento dunha persoa infectada.
Segundo as autoridades sanitarias é probable que a evolución continúe sendo negativa, polo que o Goberno local en acordo con todos os grupos da Corporación Municipal vén de decretar a suspensión ata o luns 26 de outubro das actividades culturais, deportivas, educativas ou de calquera outro tipo realizadas en instalacións públicas.
O Concello precisa que únicamente se manterá o servizo de conciliación do Cuntilín que se presta no CPI Don Aurelio.
A actividade lectiva no colexio tamén se manterá con total normalidade seguindo todos os protocolos de seguridade que se veñen aplicando dende o inicio do curso. O Concello reforzará a desinfección no centro.
O Concello aconsella que tamén se restrinxan o máximo posible este tipo de actividades que favorezan o contacto entre persoas no ámbito privado e, en todo caso, que calquera actividade deste tipo se desenvolva de acordo coas limitacións e medidas de seguridade e prevención establecidas pola Consellería de Sanidade.
Finalmente, o Concello de Cuntis volve facer un chamamento á prudencia e á responsabilidade individual e colectiva.