A Universidade inicia os trámites para crear as novas facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública
Por Redacción
As novas facultades de Dirección e Xestión Pública Deseño de Pontevedra foron este venres protagonistas do primeiro Claustro da Universidade de Vigo desde o inicio da pandemia da covid-19. Foi unha reunión en formato dual, con asistencia tanto virtual como presencial, e con tres sedes en paralelo, unha delas a facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus pontevedrés.
Entre as principais decisións adoptadas, o Claustro aprobou instar ao Consello de Goberno a iniciar os expedientes de creación de tres novas facultades: as citadas de Dirección e Xestión Pública e Deseño en Pontevedra e unha de Relacións Internacionais en Ourense.
No que respecta á Facultade de Dirección e Xestión Pública, o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, explicou que a proposta parte dos membros da Comisión Académica do Grao en Dirección e Xestión Pública e da Comisión Académica do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional, coincidindo coas dúas décadas de estudos relacionados coa administración pública na Univesidade de Vigo.
Tras solucionar os problemas de matrícula que existían co grao, apostando por unha modalidade totalmente virtual que se estreou este curso, persiste un problema de "visibilidade", de maneira que apostan coa creación dunha facultade propia. Ramos explicou que o grao e máster "teñen un encaixe relativo na actual facultade, tanto no que se refire aos contidos como ao ámbito xeográfico do alumnado".
Neste caso, o novo centro seguirá compartindo edificio coa Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
A nova facultade de Deseño, pola súa parte, terá a súa sede na reformada sede da Xunta en Benito Corbal, na que se están rematando as obras. A Universidade de Vigo conta con tres das oito plantas do edificio e dúas delas serán para impartir o novo Grao de Deseño e o Máster Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda.
O Claustro aprobou tamén a creación da Escola Aberta de Formación Permanente, un novo organismo a través do cal se xestionará toda a oferta de estudos propios da Universidade de Vigo, é dicir, aqueles que non sexan ensinanzas oficiais reguladas.
Relacionadas:
-
O novo edificio universitario de Tafisa será unha realidade antes de que remate a primeira promoción do Grao de Deseño
Por Redacción |
-
A Universidade instalarase no edificio da Xunta en Benito Corbal a finais de xuño
Por Manu Otero |
-
A UVigo prevé a posta en marcha do grao en Deseño en Pontevedra no curso 2022-23
Por Redacción |
-
Unha rede de biomasa servirá calor ás facultades do campus
Por Alejandro Espiño |