Os populares solicitarán ao Concello que se adhira ao programa Xantar na Casa
Por Redacción
A concelleira do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Silvia Junco propoñerá no próximo Pleno municipal ao Concello que se adhira ao programa Xantar na Casa, xestionado pola Xunta de Galicia, que ten como obxectivo "mellorar a calidade de vida e de nutrición das persoas maiores e/ou dependentes, así como a das súas familias, facilitando a posibilidade de mantelas na súa contorna habitual".
Para Junco desde o Concello "non debemos deixar de lado aos nosos cidadáns máis vulnerables e máis nestes tempos tan incertos, e é noso deber dar resposta ás necesidades creadas pola pandemia".
Na proposta de acordo, Junco destaca que Pontevedra o índice de envellecemento crece ata o 20,1% do total da poboación, o que supón preto de 17.000 pontevedreses, potenciais usuarios deste servizo, segundo os datos que manexan os populares.
"O programa Xantar na Casa concíbese como un programa social de atención nutricional e está dirixido aos colectivos de persoas maiores e/ou dependentes en situación de especial vulnerabilidade. A súa finalidade e obxectivo fundamental, é o de prestar apoio no domicilio mediante prestacións alimentarias e de seguimento persoal. A finalidade é a de mellorar a calidade de vida e a autonomía dos seus usuarios", di o texto da moción.
Na actualidade, o Programa Xantar na Casa está implantado en 200 concellos que delegaron na Xunta a posta en funcionamento deste programa, que xa leva funcionando desde 2008.