Marín incorpórase ao programa "Xantar na Casa"
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Política Social, Fabiola García, asinou este luns coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, a incorporación deste municipio ao programa "Xantar na Casa" coa que se dará unha atención alimentaria a domicilio equilibrada e de calidade a quince veciños.
A comida entregarase nos fogares dos beneficiarios un único día á semana para as sete xornadas, incluídos festivos e fins de semana, e unicamente deberá ser quentada antes de consumila. A aquelas persoas que carezan de neveira ou microondas facilitaránselles os electrodomésticos necesarios para preservar estes alimentos.
Ademais de garantir unha dieta saudable e adaptada as necesidades dos usuarios, Xantar na casa permite facer un seguimento da situación ou posibles incidencias dos usuarios a través dos servizos sociais municipais.
En toda Galicia son 186 os municipios aos que xa chega este programa, a través do que se subministran preto de 2.000 menús diarios a persoas maiores de 60 anos, dependentes ou en situación ou risco de exclusión social.
Esta iniciativa autonómica ten un custe que o exercicio pasado ascendeu a 2,3 millóns de euros, incluída a achega dos concellos, tendo en conta que a Xunta financia o 50% do prezo dos menús; as entidades locais achegan o 25% e o outro 25% corre a cargo dos usuarios.