Os veterinarios esfórzanse por salvar a vida de Dulce, un can abandonado en Vilanova
Por Redacción
O Centro de Acollida e Protección Animal (CAAN) recolleu o pasado 27 de agosto un can abandonado na vía pública no concello de Vilanova de Arousa tras recibir unha chamada urxente da Policía Local. O can foi bautizado co nome de Dulce no centro de recollida.
Trátase dun boxer macho de idade avanzada que chegou deshidratado e caquéctico (esquelético), e non se tiña de pé. O animal presentaba problemas na pel que lle provocaban hipoplasia folicular e alopecia en varias zonas do corpo, unha ferida infectada no flanco dereito e priapismo.
Dende o centro estáselle a aplicar un tratamento de rehidratación e nutrición endovenosa para mantelo vivo e a continuación a cura e tratamento das lesións e patoloxías que presenta, unhas debidas á situación de extrema delgadeza e desnutrición, e outras por causa do seu abandono como por exemplo enfermidades que teñen tratamento e, en moitas ocasións, curación pero por desleixo, e falta de sensibilidade, os seus donos prefiren desfacerse do animal desta forma tan cruel en lugar de levalo ao veterinario.
A continuación inténtase que o can inicie de novo a alimentación oral por se mesmo, o que require moita paciencia por parte de coidadores e veterinarios xa que sofre ademais de anorexia.
Se o animal empeza a comer por si mesmo feito que non sempre se consegue, empeza a recuperarse pouco a pouco. A medida que se inicia o proceso de alimentación recupera forzas e é capaz de valerse por se mesmo para andar, saír a facer as súas necesidades, etc. Moitos, con estas atencións recupéranse e teñen unha vellez digna e sen sufrimento ata o fin dos seus días, pero outros non e morren no proceso.