Marín bonifica o IBI ás familias numerosas e modifica o IAE ás empresas do porto
Por Redacción
O Concello de Marín modificará a ordenanza fiscal reguladora do IBI co fin de tratar de beneficiar ás familias numerosas. Estas unidades familiares poderán solicitar a bonificación do 40% do pago da cota íntegra de imposto dos seus inmobles residenciais.
A modificación aprobarase no Pleno da Corporación que terá lugar este xoves no Concello, así como tamén a modificación dunha segunda ordenanza fiscal, a que que afectan ao IAE (Imposto de Actividades Económicas)
O Pleno aprobará estas dúas modificacións co fin de lanzar un Plan de Axuste que o Goberno local preparou para poder solicitar a súa adhesión ao Fondo de Financiación de Entidades Locais.
O tenente alcalde e concelleiro de Facenda, Manuel Santos, explicou que as familias numerosas poderán solicitar a bonificación presentando unha solicitude no Concello na que se identifique o inmoble ao que se lle aplicará este 40%. Só poderá ser un inmoble por cada familia numerosa e as solicitudes poderán presentarse ata o 30 de abril de cada ano.
O Plan de Axuste tamén contempla unha modificación no tipo de gravame que se aplica aos bens inmobles que están no interior do recinto portuario (catalogados como BICES), que pasará a ser do 0,96%.
No que respecta ao IAE, aplicarase ás empresas situadas no recinto portuario un coeficiente de situación do 2,05. Con esta modificación fiscal, equipararase o cobro con Pontevedra deste tributo, cidade na que algunhas firmas pagan os seus impostos.
O Goberno local calcula que a recadación para as arcas municipais marinenses con este axuste será de 54.000 euros ao ano.