Os pontevedreses agardan 34 días para operarse no CHOP e 24 para unha consulta
Por Redacción
A demora media para unha primeira consulta no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) sitúase en 24,3 días, fronte aos 30,7 días do mesmo período de 2011. A espera redúcese ata os 17,8 días nas primeiras consultas preferentes, cando no mesmo período do ano anterior situábase en 25,2 días.
Segundo os datos aportados polo centro hospitalario, quince especialidades rexistran unha demora media inferior a 20 días e as de menores tempos de espera son hematoloxía (2 días), oncoloxía médica (2,3 días), pneumoloxía (5,2 días), obstetricia (9,5 días) e medicina interna (9,9 días).
Con respecto ao mesmo período do ano anterior, a baixada máis salientable corresponde ao servizo de cirurxía vascular, cunha redución de 39 días na demora media para unha primeira consulta.
No que respecta á actividade cirúrxica, o CHOP continúa a manter a demora cirúrxica en Prioridade 1 por baixo dos 10 días, e de novo supera o compromiso da Consellería de atender aos pacientes máis graves en menos de 30 días.
A demora media situouse en 34,7 días, fronte aos 36,9 do ano anterior, cunha redución do 11% no número de pacientes que esperan por unha intervención cirúrxica. As especialidades con menores tempos de espera foron dermatoloxía, con 13,6 días, xinecoloxía (20,2 días) e oftalmoloxía (24,4 días).
En probas diagnósticas rexistráronse reducións especialmente en radioloxía. As probas que máis diminuíron o tempo medio de espera, con respecto ao mesmo período do ano anterior, foron TAC, cun descenso de 67 días, ecografía xenitourinaria (- 63 días), ecografía muscoesquelética (-54 días), ecografía vascular (-53 días) y resonancia magnética (-43 días).