O verán pecha no Hospital do Salnés cunha ocupación do 70% e 9.044 urxencias
Por Redacción
O Hospital do Salnés mantivo a súa actividade sanitaria global en Arousa durante os meses de xullo, agosto e setembro de 2012, cun leve incremento de actividade cirúrxica con respecto aos mesmos meses de 2011. Así mesmo, o centro sanitario de Ande-Rubiáns atendeu no verán un total de 9.044 urxencias, cunha media de 98 asistencias deste tipo ao día, das cales un 9 % requeriu un posterior ingreso hospitalario para profundizar na súa atención clínica.
Os datos de actividade estival facilitados tamén revelan que entre xullo e setembro deste ano realizáronse un total de 924 intervencións cirúrxicas, mantendo unha actividade asistencial constante, dado que dese total de intervencións, 216 foron urxentes e 708 programadas. Estas cifras de actividade cirúrxica representan un leve incremento con respecto ás 921 intervencións e 9.468 urxencias do mesmo período de 2011. No ano anterior houbo unha media de 102 urxencias ao día e un 8% dos pacientes requeriron ingreso posterior.
Complementariamente, o indice de ocupación do Hospital do Salnés durante o pasado verán deste ano 2012 mantívose no 70%, cunha media diaria de 17 camas libres no centro sanitario de Ande-Rubiáns. A 5 de outubro, das 84 camas operativas das que dispón o hospital arousán, 25 están libres, o que reflicte "unha ampla dispoñibilidade e unha xestión axeitada das infraestructuras hospitalarias".
O modelo de Xestión Integrada permitiu o paso dunha organización vertical a unha compartimentada
Segundo un comunicado emitido pola Consellería de Sanidade, estas cifras son resultado da planificación estratéxica do Servizo Galego de Saúde, que potenciou o servizo sanitario público do Hospital do Salnés durante o verán. A Xestión Integrada entre o Hospital do Salnés co Complexo Hospitalario de Pontevedra e os centros de saúde "mantén aos pacientes arousáns como eixes do sistema, que reciben unha resposta asistencial axeitada en tempo e forma, diminuíndo as súas esperas e evitando a repetición de probas de forma innecesaria".
A Administración Sanitaria galega aposta pola capacidade de xestión do Hospital do Salnés, que, coa Xestión Integrada, "mellora indiscutiblemente a súa coordinación co CHOP e cos centros de saúde, con protocolos compartidos e vías rápidas, favorecendo a continuidade asistencial dentro do marco organizativo e aumentando a calidade asistencial en todos os niveis".
"Pasouse dun modelo de organización vertical e totalmente compartimentado a unha xestión horizontal e flexible, que ofrece á poboación unha atención mais cercana, resolutiva e eficiente", indican dende a delegación de Pontevedra da consellería.